Rianxo, Escritos
luns, 31 de decembro de 2007, 12:48

Outro ano máis e outro ano menos, quedamos como estabamos. Todos os anos por estas datas, sempre me lembro dunha tradición perdida do noso concello. E todos os anos tamén penso, a ver se este ano o volven a facer, pero nada, outro ano menos. Estiven a buscar fotos para ensinarvos a todos o que era. Recordarlle ós maiores e non tan maiores, mostrarlle ós máis novos, o que se facía todos os primeiros de decembro, na Praza Castealo. Pero non atopei ningunha. Que pena.

Todo comezaba con rumores, xa o elixiron…, xa o están a cortar…, miña nai, este ano non o van poder traer do grande que é…. E pola mañán cedo, sacaban a pedra e deixaban o burato aberto, os rianxeir@s que pasaban pola Praza xa non marchaban ata que chegara, e a xente comezaba a sorrir, agardando a entrada triunfal polo Cruce do Campo, a ver como sería ese ano… E entón na distancia, no fondo de Rinlo, escomezaba a albiscarse. Paseniño, como xigante que era, pouco a pouco se achegaba, ata que todo o mundo saía do Colón (claro como non, un rianxeiro onde vai estar, pois nun bar), para recibilo.

Veña!! Todos a axudar. E alá ían todos os homes, peito inflado, remangando as mangas da camisa. Primeiro un recoñecemento, Ummh!! Este ano é grande, non é? Pois si que o é, é enorme!!. E poderemos con el?? E como non imos poder. Bueno, bueno, pois non é pa tanto, cada ano vai a menos… (sempre hai algún disconforme). E escomezaban a atarlle cordas por todos lados, coma se dun chourizo se tratase. Axustabase a base no buraco, e uns cuantos situábanse para que entrara ben nel. As mulleres e os nenos, na balconada do Campo de Arriba, ó caron dos máis vellos, que coma sempre estaban a mirar e a criticar, Mira pra aí, serán burriños, así vailles caer pa babor… Esta xuventude, nos nosos tempos….

Seguir lendo…

Escritos
mércores, 25 de xullo de 2007, 13:44

Miñas donas e meus señores:

SI NO ABRANTE d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, té as rías de Pontevedra, oureladas de piñeraes; dende as serras nutricias do Miño o a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas d-entrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria. O día de festa comenza en Sant-Iago. A torre do reló tanxe o seu grave sino de bronce para anunciar un novo día, e de seguida comeza unha muiñeira de campás, repinicada nas torres do Obradoiro, que se comunica a todol-os campanarios da cibdade. Pero hoxe as campás de Compostela anuncian algo máis que unha festa litúrxica no interior da Catedral, con dinidades mitradas e ornamentos maravillosos, de brocados e ouros, con chirimías e botafumeiro, capaz de dar envexa á mesma Basílica de Roma. Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica, filla, tal vez, d-un culto panteista, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra nai, alzada simbólicamente no Pico Sagro; por cobertura o fanal inmenso do universo; e por lámpara votiva, o sol ardente de xullo, o sol que madura o pan e o viño eucarísticos. Por eso a muiñeira de campás, iniciada en Compostela, vai rolando por toda Galiza, de val en val e de coto en coto, dende os campanarios pimpantes da veiramar até as homildes espadañas da montaña. E o badaleo rítmico das campás -de todal-as campás de Galiza en leda algarabía- semella o troupeleo dos cabalos astrales, que veñen pol-a vouta celeste, turrando co carro de Apolo, que trai luz e calor ao mundo en sombras. Hoxe é o Día de Galiza, e así comenza.

Así dá comenzo a solemnidade d-este día; a Festa maor de Galiza, a Festa de todol-os galegos. Pero ninguén pode sentila, coma nós, os emigrados, porque en tal día coma este revivien as lembranzas acuguladas, e coa moita destancia agrándase o prodixio da patria. Hoxe a nosa imaxinación anda por alá, en festa de saudades, escoitando as cántigas montañesas e mariñeiras que van para Compostela, vendo o noso país embandeirado de azul e branco, con músicas, gaitas, pandeiros, aturuxos e foguetes… E dispóis de evocar o repique matutino das campás -mal ou ben, ao xeito de Otero Pedrayo-, eu podía evocar igoalmente, todol-os lances xubilosos d-este día, hora a hora, minuto a minuto. Pero ¡cómo se tornan tristes as alegrías evocadas lonxe da patria! ¡Cómo doen as ledicias arrincadas do recordo da nosa mocedade! E cómo para min é certo o que dixo o mellor poeta da nosa estirpe:

Sen tí perpétuamente estou pasando
Nas maores alegrías, maor tristeza

Seguir lendo…

Escritos
mércores, 27 de xuño de 2007, 19:24

Camiño Esquecido.Camiño esquecido que xa non vai a ningures. Un camiño calzado de pedra, inzado de silvas ensarilladas e de ortigas arnaes, que se perde na boca moura dunha congostra.

Eu sempre perguntaba a miña avoa: ¿Onde va¡ da-la “verea vella”? E miña avoa respondíame con certo mistéreo: “Non vai a ningures, meu meniño”.

Aquela “verea vella” turraba por min e, cando me fixen home, arrisqueime a pasala. E máís alá da medoñenta congostra topeime cunha aldea sen xente.

Aquela “verea vella” turraba por minCasales de boa pedra, lagares que lembran fartura, trabes apodrecidas, moreas de tella; todo va¡ amortaxado con edras, silvas e loureiros, e por riba daquela vizosa vexetación, as follas amarelas e vermellas dunha viña sen froito.

Debaixo dunha nogueira seca senteime a debullar sentimentos que aínda hoxe están alí en espera…

Seguir lendo…

Rianxo, Escritos
xoves, 31 de maio de 2007, 19:55

Sinatura dun rianxeiroPor amaina­la conciencia guindei co meu título de médico no fondo dunha gabeta, e busquei outra maneira de me valer. As xentes xa non sabían que eu era dono de tan tremenda licencia oficial; mais unha noite foron requiridos os meus servicios.

Era domingo. Melchor, o taberneiro, agardaba por min ó pé da porta. Deume as “boas noites” e rompeu a chorar, e por entre os saloucos saíanlle as verbas tan estruchadas que soamente logrou dicirme que tiña un fillo a morrer.

O pobre pai turraba por min, e eu deixábame levar, enfeitizado pola súa dor. ¡Despois de todo eu era médico titulado e non podía negarme! E tiven tan fortes anceios de compracelo que sentín xurdir nos meus adentros unha grande ciencia…

Cando chegamos á casa de Melchor logrei arriarme das súas mans, e con finxido acoitamento confeseille que sabía pouco da carreira…

Seguir lendo…

Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet