Pandora e a súa caixaDáme a impresión que ó concello estáselle a ir todo das mans. A verdade é que non me resulta estraño dada a natureza deste tan selecto grupo de colaboradores de Pedro. Si é que xa se vía vir. Non me estraña que moitos dos socialistas de Rianxo rexeitaran, xa no 2002, a esta “lista” de Piñeiro. Onde queda demostrado que se rodeou de xente que non lle ía contrariar ningunha das súas decisións, secundando cada unha das palabras e feitos do mandatario. Coma beatos ante a “palabra do Señor”. E agora comézanse a ver os froitos desta xestión municipal. Podémoslles agradecer a todos eles, que Rianxo estea a saír máis que nunca na prensa, xa non so comarcal, se non que autonómica ou incluso ás veces estatal. Quizais sexa unha campaña turística???? (iso, iso, que se fale, aínda que sexa ben).

Pois outra vez nos volven amosar que para que o concello de Rianxo faga algo, ten que estar polo medio unha denuncia particular, ben ante a xustiza (caso de Ramos ou o lavadoiro de Taragoña), ben nos medios de comunicación (as pulgas do Brea Segade, as ratas do paseo). O último o da Protectora de Animais do Barbanza. Pois ben, resulta que van ter que pasar case oito anos para que se arranxe o destes pobres cans (e esperemos que o das donas tamén que padecen o síndrome de Noé). No ano 99 foron as primeiras protestas dos veciños ante o concello (maaaal, había que ir á prensa ou o xulgado), pola conduta destas señoras que comezaban a acoller cans na súa casa. Fixeron un galpón a onde os trasladaron. No 2003 “legalizaron” a situación dos cans. As protestas continuaban (pero seguían sendo no concello). Pasaron máis de dous anos para que un veterinario inspeccionara a instalación, xa que o concello solicitábao á Xunta e esta respondía que era cousa do concello. E así chegamos ata xaneiro de 2007 cando o concello decretou o peche da protectora. Un ano e tres meses despois, parece que os veciños van atopar solución, ós pobres cans xa veremos que futuro lles espera. Antonte a protectora de Vilagarcía acercouse a Asados, sacaron unhas fotos, fixéronas públicas, e maña a Consellería de Medio Ambiente enviará un equipo de veterinarios e o Concello de Rianxo persoal municipal, e xuntos todos, limparán e vacinaran ós cadelos.

Parece incrible, pero todo, absolutamente todo, se pode arranxar nun par de días. So se ten que facer unha chamada a un periodista, si é posible envíanselle catro fotos, e atópaselle solución en menos dunha semana!!!! Veciño se ves algo denunciable, chama á prensa, a solución chegará antes!!!!

E volvendo ó tema. Que estará a pasar en Rianxo que nos últimos dous meses están a saír á luz demasiadas irregularidades?? Abriremos os ollos dunha vez, aínda que sexa dentro de tres anos??

Desa “Caixa de Pandora” que temos en Rianxo, xa saíron moitos males, pero recordade que é o que quedou nela, non todo está perdido.