En vista de que a cousa vai para longo, e como parece que cada vez se anda a falar máis da tan ansiada carencia de Rianxo, o parque empresarial, anuncio a creación dunha nova categoría: Póligono de Té.
E non podía ser doutra maneira que coas últimas novas anunciadas polo noso alcalde Pedro: “As obras do polígono comezarán no verán”. Asi o refrexan Diario de Arousa, La Voz de Galicia e canalriasbaixas.com.
Xa non sei se tomalo a cachondeo ou en serio. O de sempre. Afirmacións coma esas xa se fixeron no pasado como quedou indicado na primeira entrada desta categoria: Xa vai sendo hora. Xa choveu dende entón, pero a realidade é outra, i é que aínda non están adquiridos todos os terreos. Nada máis e nada menos que a metade deses 340.000 metros cadrados. 170.000 metros cadrados que pretenden mercar de aquí a seis meses…
Canta xente pode ser dona dun terreo nesa zona? A cifra non a sei, pero seguro que unhas cantas decenas polo menos. E se temos en conta que esa xente non accedeu á venda con anterioridade, dubido que agora llo poñan máis doado. Co que xa habería que meterse nun proceso de expropiación…
Piñeiro afirma que a execución da obra farase nun tempo aproximado de un ano, cando na web de maisrianxo.com, aquela que fixeron para as pasadas eleccións municipais, dicían que era de dous anos, aínda que tamén pon que o inicio das obras sería a comezos de 2008. Pero recordemos que en Rianxo o tempo ten unha dimensión distinta. O que ó primeiro é un ano, realmente despois son tres ou catro, ou máis.
Isto estame a dar unha idea para outra nova categoría: “Obras faraónicas de Rianxo”, o de faraónicas por suposto non pola súa maxestosidade, se non polos prazos de execución. Acéptanse suxestións coma por exemplo: un, dous, tres… o auditorio, o polideportivo, a praza Castelao, a piscina municipal, o campo de fútbol, o muelle novo, o selado do “basurero”, a depuradora, a reparación da depuradora, o PXOM (que hai que volver a empezalo)… E así unha larga lista.
Pero sinceramente, esperemos que vaia desta. E que durante os movementos de terras non se atope ningún vestixio arqueolóxico, porque entón todo ó traste, 23 anos de espera ó lixo, e todos os “esforzos” da executiva local en balde. Aínda que vendo as últimas actuacións en canto ó noso patrimonio… Tira pa diante que non vistes nada.

