Outro ano máis e outro ano menos.
Outro ano máis e outro ano menos, quedamos como estabamos. Todos os anos por estas datas, sempre me lembro dunha tradición perdida do noso concello. E todos os anos tamén penso, a ver se este ano o volven a facer, pero nada, outro ano menos. Estiven a buscar fotos para ensinarvos a todos o que era. Recordarlle ós maiores e non tan maiores, mostrarlle ós máis novos, o que se facía todos os primeiros de decembro, na Praza Castealo. Pero non atopei ningunha. Que pena.
Todo comezaba con rumores, xa o elixiron…, xa o están a cortar…, miña nai, este ano non o van poder traer do grande que é…. E pola mañán cedo, sacaban a pedra e deixaban o burato aberto, os rianxeir@s que pasaban pola Praza xa non marchaban ata que chegara, e a xente comezaba a sorrir, agardando a entrada triunfal polo Cruce do Campo, a ver como sería ese ano… E entón na distancia, no fondo de Rinlo, escomezaba a albiscarse. Paseniño, como xigante que era, pouco a pouco se achegaba, ata que todo o mundo saía do Colón (claro como non, un rianxeiro onde vai estar, pois nun bar), para recibilo.
Veña!! Todos a axudar. E alá ían todos os homes, peito inflado, remangando as mangas da camisa. Primeiro un recoñecemento, Ummh!! Este ano é grande, non é? Pois si que o é, é enorme!!. E poderemos con el?? E como non imos poder. Bueno, bueno, pois non é pa tanto, cada ano vai a menos… (sempre hai algún disconforme). E escomezaban a atarlle cordas por todos lados, coma se dun chourizo se tratase. Axustabase a base no buraco, e uns cuantos situábanse para que entrara ben nel. As mulleres e os nenos, na balconada do Campo de Arriba, ó caron dos máis vellos, que coma sempre estaban a mirar e a criticar, Mira pra aí, serán burriños, así vailles caer pa babor… Esta xuventude, nos nosos tempos….
Xa colocados cada un na súa posición, viña o momento máis agardado. Todos á espera das ordes. Silencio. So se escoitaba o piar dos paxaros… Veña, comezamos, despaciño… Tirade un pouco máis dese lado… pouco a pouco. Coidado agora… Veña, xa queda pouco… Xa casi está…. E por incrible que parecera, erguer aquela mole de madeira chea de ramas verdes por todos lados, resultaba unha tarefa sixela. Sempre se dixo que a unión e poder, e naquel día, para os rianxeir@s quedaba demostrado. En pouco máis de dous minutos, aquela cousa de moitos metros, pasaba de estar en horizontal a vertical, apuntando cara o ceo, cara onde todos os nenos dirixían os seus ollos, ó mesmo tempo que ca boca aberta. E cando xa estaba, que se aguantaba el so, todos aplaudían, mentres que os cincuenta homes máis fortes do mundo, sacudían as máns e baixaban as mangas de camisa, seguían co peito inflado, e camiñando todos xuntiños en procesión. Todos cara o mesmo lugar, cara o bar (o que nace burro, non morre cabalo).
E así e durante algo máis dun mes na Praza de Castelao, había un xigante con luces de cores por todos lados, a xente viña de fora a velo. A verdade é que era orixinal. E todo iso rematou. Cando se refixo a praza, cando se lle puso a pedra que hoxe ten. Esta costume perdeuse, xa non se voltou facer nunca máis.
E outro ano máis, e outro ano menos. Feliz 2008 para tod@s.

