Outro ano máis e outro ano menos.
Outro ano máis e outro ano menos, quedamos como estabamos. Todos os anos por estas datas, sempre me lembro dunha tradición perdida do noso concello. E todos os anos tamén penso, a ver se este ano o volven a facer, pero nada, outro ano menos. Estiven a buscar fotos para ensinarvos a todos o que era. Recordarlle ós maiores e non tan maiores, mostrarlle ós máis novos, o que se facía todos os primeiros de decembro, na Praza Castealo. Pero non atopei ningunha. Que pena.
Todo comezaba con rumores, xa o elixiron…, xa o están a cortar…, miña nai, este ano non o van poder traer do grande que é…. E pola mañán cedo, sacaban a pedra e deixaban o burato aberto, os rianxeir@s que pasaban pola Praza xa non marchaban ata que chegara, e a xente comezaba a sorrir, agardando a entrada triunfal polo Cruce do Campo, a ver como sería ese ano… E entón na distancia, no fondo de Rinlo, escomezaba a albiscarse. Paseniño, como xigante que era, pouco a pouco se achegaba, ata que todo o mundo saía do Colón (claro como non, un rianxeiro onde vai estar, pois nun bar), para recibilo.
Veña!! Todos a axudar. E alá ían todos os homes, peito inflado, remangando as mangas da camisa. Primeiro un recoñecemento, Ummh!! Este ano é grande, non é? Pois si que o é, é enorme!!. E poderemos con el?? E como non imos poder. Bueno, bueno, pois non é pa tanto, cada ano vai a menos… (sempre hai algún disconforme). E escomezaban a atarlle cordas por todos lados, coma se dun chourizo se tratase. Axustabase a base no buraco, e uns cuantos situábanse para que entrara ben nel. As mulleres e os nenos, na balconada do Campo de Arriba, ó caron dos máis vellos, que coma sempre estaban a mirar e a criticar, Mira pra aí, serán burriños, así vailles caer pa babor… Esta xuventude, nos nosos tempos….
Seguir lendo…

