Miñas donas e meus señores:
SI NO ABRANTE d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, té as rías de Pontevedra, oureladas de piñeraes; dende as serras nutricias do Miño o a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas d-entrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria. O día de festa comenza en Sant-Iago. A torre do reló tanxe o seu grave sino de bronce para anunciar un novo día, e de seguida comeza unha muiñeira de campás, repinicada nas torres do Obradoiro, que se comunica a todol-os campanarios da cibdade. Pero hoxe as campás de Compostela anuncian algo máis que unha festa litúrxica no interior da Catedral, con dinidades mitradas e ornamentos maravillosos, de brocados e ouros, con chirimías e botafumeiro, capaz de dar envexa á mesma Basílica de Roma. Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica, filla, tal vez, d-un culto panteista, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra nai, alzada simbólicamente no Pico Sagro; por cobertura o fanal inmenso do universo; e por lámpara votiva, o sol ardente de xullo, o sol que madura o pan e o viño eucarísticos. Por eso a muiñeira de campás, iniciada en Compostela, vai rolando por toda Galiza, de val en val e de coto en coto, dende os campanarios pimpantes da veiramar até as homildes espadañas da montaña. E o badaleo rítmico das campás -de todal-as campás de Galiza en leda algarabía- semella o troupeleo dos cabalos astrales, que veñen pol-a vouta celeste, turrando co carro de Apolo, que trai luz e calor ao mundo en sombras. Hoxe é o Día de Galiza, e así comenza.
Así dá comenzo a solemnidade d-este día; a Festa maor de Galiza, a Festa de todol-os galegos. Pero ninguén pode sentila, coma nós, os emigrados, porque en tal día coma este revivien as lembranzas acuguladas, e coa moita destancia agrándase o prodixio da patria. Hoxe a nosa imaxinación anda por alá, en festa de saudades, escoitando as cántigas montañesas e mariñeiras que van para Compostela, vendo o noso país embandeirado de azul e branco, con músicas, gaitas, pandeiros, aturuxos e foguetes… E dispóis de evocar o repique matutino das campás -mal ou ben, ao xeito de Otero Pedrayo-, eu podía evocar igoalmente, todol-os lances xubilosos d-este día, hora a hora, minuto a minuto. Pero ¡cómo se tornan tristes as alegrías evocadas lonxe da patria! ¡Cómo doen as ledicias arrincadas do recordo da nosa mocedade! E cómo para min é certo o que dixo o mellor poeta da nosa estirpe:
Sen tí perpétuamente estou pasando
Nas maores alegrías, maor tristeza
Seguir lendo…
Meteogalicia, páxina de meteoroloxía.
Pois hoxe quérovos recomendar esta web galega adicada á predicción meteorolóxica na nosa comunidade.
MeteoGalicia naceu no ano 2000 froito dun convenio entre a Consellería de Medio Ambiente e a Universidade de Santiago de Compostela, e ten como obxectivos principais a realización de unha predicción meteorolóxica de Galicia e a explotación e mantemento da rede de observación meteorolóxica e climatolóxica da Xunta de Galicia.
MeteoGalicia estructúrase en catro áreas principais; predicción operativa, predicción numérica, visualización e climatoloxía. Asemade, MeteoGalicia desenrola modelos meteorolóxicos, oceanográficos e de ondaxe de moi alta resolución para mellorar as súas prediccións meteorolóxicas.
Na súa web www.meteogalicia.es podedes atopar todo tipo de información relacionada con esta ciencia, dende mapas do satélite Meteosat 8, a información de cursos, e por suposto todo tipo de prediccións a curto ou medio prazo.
Hoxe sae publicado no Diario de Arousa, que a Consellería de Educación, vai facer melloras no Brea Segade de Taragoña, no Ana María Diéguez de Asados, e no A.D.R. Castelao de Rianxo. Ben. Pero di que será no mes de agosto. Nun mes pódense facer moitas cousas, pero non sei eu si dará tempo a arranxar todo o que estea mal ou simplemente serán unhas chapuciñas para facer calar a algúns pais.
I é que todo o que sexa mellorar sempre é benvido. E faime pensar, agora que a polémica rotonda a carón dos “grupos” está rematada, na que houbera sido a mellor solución debido ó pouco espazo que alí hai. No recinto do Colexio Castelao hai unha enorme superficie á que non se lle da uso ningún, non falo das dúas pistas deportivas, senón dos máis de 3.000 metros cadrados que están a eito. Pois nese recinto poderíase construír un bloque novo, e derrubar o que está preto do cruce (se non se quere ser tan drásticos, na China xa moven edificios enteiros de nove pisos e sete mil toneladas nunha semana, poderíaselle pedir consello, non?). E desa maneira gañar espazo público e aproveitar o terreo do colexio. Facendo así unha rotonda de xeito. So hai que fixarse nas manobras que teñen que facer os camións para bordeala, xa vin a máis dun ter que dar marcha atrás para salvala. Xa dixen que sería a mellor solución, non a máis económica.
Pero bueno, a noticia é que se van poñer a arranxar os desperfectos que teñen que soportar nenos e mestres. Amén.
Seguir lendo…
Non pasou un mes dende o novo goberno e xa empezan cos encontroazos, a saber como rematan en Boiro. Todo fai pensar que van pasar catro anos de tiras e afloxas entre os frentistas e os socialistas. E esta semana Ares xa deu o primeiro espaldarazo a Deira, ó votar en contra das dedicacións dos representantes do pobo.
Todo sucedeu cando chegou a hora de corroborar as dedicacións exclusivas, e a polémica foi a de Xoán León como edil de urbanismo, xa que “rompía a igualdade”, dúas para o BNG e unha para o PSOE, e claro, Ares non está pola labor de verse coma segundón, quere estar á mesma altura que o alcalde. E con todo elo tanto Deira coma León, que son ambos mestres de profesión, din que xa redactaron sendos escritos para este luns remitirllos á Consellería de Educación, solicitando o seu regreso á docencia. Xa é a segunda vez que Deira “ameaza” con deixar a política nun segundo plano, isto xa empeza a parecer de patio de colexio. Aínda que si realmente envían esas solicitudes, o concello de Boiro vai aforrar uns cantos cartos, e Ares terá que voltar a conducir tódolos días pola Vía Rápida, perdón, pola futura Autovía do Barbanza. Desta maneira calquera persoa que tivera algo que falar có alcalde tería que desprazarse a Espiñeira, e esperar ós descansos das clases. Ademais os construtores tamén terían que ir buscar a León ó instituto. Isto é tan absurdo.
A ver señores políticos, sexan serios. Acaban de comezar a lexislatura e xa andan con miniñadas: “Agora non che deixo o balón, bueno, pois eu non che dou o caramelo”. Como sigan así dame que o van pagar dentro de catro anos.
Un pasiño máis. Agora veremos se realmente isto será bo para Rianxo e como Pedro afirmou: “Serei alcalde por riba de todo (…) pelexarei por Rianxo”. Pois a ver si desta rematan as eternas obras do Auditorio, dependente totalmente da Deputación da Coruña, e que xa non sei cantos anos levan coa obra. Ó igual que a piscina, que a verdade é que están indo bastante rápido, e esperemos que así continúen ata o final. Pero bueno estes temas xa os tratarei noutra ocasión.
I é que por desgracia a política é así. Para que se faga algo nun pobo é necesario ter contactos “un pouco máis arriba”. Agora haberá que esperar a ver como posicionan a Pedro dende o seu partido. Blas García, secretario comarcal, dixo que incluso lle poderían outorgar unha área de goberno dentro da Deputación. Aínda que isto tamén se falara nas anteriores eleccións do 2003, e o final nin sequera fora deputado. Eu daquela entendino perfectamente, pois aínda que efectivamente Pedro leva moitos anos ó fronte do PSOE en Rianxo, segue a ser independente, non milita no PSOE, co que vexo normal que un non-militante non poda chegar a levar unha carteira. E agora, catro anos despois si accede. En fin, na política e na relixión o sentido común non ten sentido.
Pero a realidade é que Pedro Piñeiro vai pasar a formar parte activa da Deputación da Coruña, e veremos como afectará isto a Rianxo.
Internet é un gran arquivo histórico, e o Youtube unha gran ferramenta para o recordo:
Segundo pleno da nova lexislatura.
Ó final serán catro as dedicacións remuneradas no concello, unha dedicación parcial menos que ata fai dous meses. Tres exclusivas (Pedro Piñeiro, Sonia Castaño e Marisa Resúa), e unha parcial (Carmen Figueira). Pero como xa era sabido, voltarase a contar cun xestor, e a maiores unha secretaria particular para o alcalde. Aínda que dende o PSOE din que non ten porque contratarse a ninguén para estes cargos. E pregúntome eu, se non se foran a ocupar, ¿por que se aproban esas prazas? En fin, mentiras cousas de políticos.
Pois Pedro terá de soldo neto 45.200 € ó ano (algo máis de 7 millóns e medio das antigas pesetas), ou o que é o mesmo, case 4.000 € ó mes, case nada!! Ein, pero vai cobrar 2.000 € menos que no anterior mandato. Bueno con ese soldo, 166 € ó mes case non se notan, non?
E as outras dúas exclusivas serán de algo máis de 26.000 € anuais cada unha (máis de 4 millóns 300 mil pts.)
A parcial será de 13.000 € (case uns 1.100 € ó mes). Caramba, soldo de mileurista por unha media xornada.
Seguir lendo…
Unha animación do tráfico aéreo sobre Europa nun periodo de 24h:
Dende fai tempo estamos á espera desa nova páxina web do concello, pero como todo en Rianxo, a espera é longa. Moi rápidos en anunciar as cousas por ese gran afán de acadar unha modernización da administración local, pero o que nos deixan ver dende o concello é que as promesas ou tardan ou non se cumpren.
Recordo aquelas noticias de fai xa varios anos (concretamente do 2005), nas que se anunciaba que as obras do polígono ían comezar a finais do 2005, para que o polígono estivera urbanizado a finais de 2006. Pero a mediados dese 2005, era evidente que de polígono nada de nada, e saía esta outra noticia na que o alcalde pedía que se axilizaran as xestións para que se puidera empezar a principios do 2006. Pero todo seguía igual. E no ano 2006, cando xa o PSOE levaba un ano na Xunta e dous no Estado (comento esto por aquelo que decían que si dende a Xunta ou do Goberno central non axudaban), saían outras novas, nas que se afirmaba que os traballos de edificación comezarían a principios do 2007. Pero a realidade como case sempre supera á ficción, e xa estamos a mediados de 2007 e a realidade é outra. Nesta non se dan datas, pero si se di que todavía queda pendente o estudo de Política Territorial, e que “se as xestións se axilizan podería incluirse no último consello da Xunta antes das vacacións para non ter que agardar ata setembro, cando se retome a actividade administrativa”.
Seguir lendo…


