Xa queda menos para a decisión.
Pois que nun par de días verase quen apoia a quen nos gobernos locais. E a cousa está máis que clara en Rianxo, maioría para Pedro, en Ribeira, maioría para Colomer e na Pobra tamén maioría para Maceiras. Todos eles baixaron no número de votos como xa indiquei en “Resaca electoral“. Pero o que aínda non está demasiado claro, ou polo menos é o que intentan aparentar, é en Boiro.
A maioría, por 12 papeletas, do PP podería chegar a gobernar no concello. Máis se nos fixamos nos derradeiros ataques entre frentistas e socialistas. Deira dicindo que non lle importaría voltar á docencia, que por certo, ex-alumnos del dixéronme que non o facía nada mal. E Ares afirmando que ó mellor vota o sábado por si mesmo, e colocarse na oposición. O de Deira créomo, pero o de Ares… Estaría disposto a perder o soldo da dedicación exclusiva, do concello? Estaría disposto a voltar á fábrica a traballar? Sinceramente dubidoo moito. E dáme que vai pasar polo aro de Deira. O PSOE gañaría un concelleiro máis, pero o que tamén é certo, é que o BNG acadou a maior subida de votos, aínda que non lle concedesen ningún edil a maiores dos que tiña.
A Ares nótaselle que quere chegar á alcaldía a calquer prezo, recordemos as acusacións que lanzou contra o BNG na campaña, desprestixiando o traballo de catro anos en conxunto. E non me estrañaría que si pactar con Velo lle supuxese alcanzala, non o dubidaría. Pero Velo tamén dixo que el pactaría con calquera, sempre e cando el fora o primeiro edil. De todas maneiras ningún dos dous acadará ser alcalde na situación actual.
E si Ares non apoia a Deira, ese será o seu suicidio político. Dende o PSdG non llo han perdoar, pois é un dos exemplos que poñen de colaboración entre BNG e PSOE a nivel galego. I entón non lle quedaría outra que voltar a Friscos.
O sábado quedarannos as cousas claras.

